Los géneros de la memoria
Resumo
O presente volume recolle achegas seleccionadas do XX Simposio da Asociación Española de Literatura General y Comparada, SELGYC, celebrado na Universidade de Santiago de Compostela do 2 ao 4 de setembro de 2014. O Comité Organizador do citado Simposio, consciente da actualidade dos estudos sobre a memoria no contexto académico, tivo a iniciativa de erixir «Os xéneros da memoria» en categoría de liña temática do encontro. Este feito concitou a presentación de traballos de diversa natureza, que analizan por unha banda producións de cariz testemuñal, que poderiamos englobar na familia dos textos do eu (autobiografías, cartas, memorias, determinados Bildungsroman...), e por outra, revisan o papel da memoria na conformación da cultura (relendo textos teóricos basilares e tamén literarios) ou valoran a súa importancia na constitución da identidade individual e colectiva, coa súa necesaria procura dun sentido de permanencia, coherencia e continuidade. Co desenvolvemento dos Memory Studies como pano de fondo, a literatura obsérvase, entón, como caixa de resonancia dun pasado silenciado ou reescrito (que permita a revisión crítica e poida estar ao servizo da memoria histórica), ou enténdese proveitosamente como «lugar de memoria», procurando desentrañar a potencialidade identitaria ou constitutiva de determinados motivos literarios, acontecementos, etc. Xunto aos influentes volumes de Pierre Nora Les lieux de mémoire (1984-1992), os estudos sobre memoria cultural e colectiva, como a serie «Routledge Studies in Memory and Narrative», ou o volume de Rodopi Literature as Cultural Memory (D'haen 2000), contiguos a outros traballos sobre representación literaria e memoria individual (Neumann 2005), foron delineando a relación entre memoria e esquecemento, ou representación e literatura, entre outros.