Dorna, Expresión Poética Galega
Dorna, Expresión Poética Galega é unha revista anual fundada en 1981 e editada pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia. Trátase da única publicación miscelánea e periódica de creación literaria que se publica en Galicia, co obxectivo de ofrecer unha canle editorial aos autores e autoras noveis con arelas no cultivo da literatura galega, aínda que tamén recolle con frecuencia a voz de escritores xa consagrados. Dorna incorpora sistematicamente tres seccións: Creación, onde se inclúen textos de creación orixinais e inéditos dos colaboradores, tanto de poesía coma de narrativa e de teatro; Voces de Fóra, sección de traducións para lingua galega, que se ofrecen a carón dos poemas na lingua orixinal, de poetas contemporáneos de todas as latitudes; Poéticas, que acolle reflexións sobre a poesía e a creación literaria dentro da ampla diversidade que ofrece o xénero da autopoética.
Dorna publícase exclusivamente en galego.