Día das Letras Galegas
En 1963, centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro ―obra que sinala o Rexurdimento (renacemento) da literatura galega tras séculos de escuridade―, a Real Academia Galega instituíu un día, o 17 de maio, para conmemorar a vida e obra dun autor ou autora en lingua galega (coa condición de pasar un mínimo de dez anos desde o seu falecemento) e, así, rememorar en xeral o orgullo da lingua e a literatura propias de Galicia e estimular, xeración tras xeración, o seu cultivo. Dez anos despois de instituído o Día das Letras Galegas, en 1973 a Universidade de Santiago de Compostela sumouse, nunha cita desde entón sempre cumprida, á celebración anual, elaborando a instancias do Departamento de Filoloxía Galega, e redactado por profesores do mesmo, un libro monográfico colectivo e en lingua galega, dedicado ao autor ou autora galardoado ese ano.