USC Editora. CELE (Cuadernos de Español como Lengua Extranjera)
USC Editora é un selo comercial dela Universidade de Santiago de Compostela, rexistrado como marca, creado en 2009 que, dentro do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, dá cabida a unha serie de publicacións financiadas total ou parcialmente por este e, polo tanto, sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á Universidade de Santiago de Compostela. O selo conta, ademais, cun elenco estable de editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel dos traballos que se editan baixo a súa marca e constitúe un compromiso de calidade editorial.
USC Editora é un selo certificado coa norma UNE-EN ISO 9001:2015 polo Rexistro de Empresa de AENOR.
USC Editora. CELE Cuadernos de Español como Lengua Extranjera é unha proposta, dinámica e rigorosa nas súas formulacións metodolóxicas e didácticas, para o ensino e aprendizaxe do español no contexto universitario. As distintas series da colección (cinema, música, vocabulario…) propoñen actividades prácticas baixo as consignas do Marco común europeo de referencia para as linguas (Consello de Europa, 2001) e do Plan curricular do Instituto Cervantes. Niveis de referencia para o español (Instituto Cervantes, 2007) para un usuario independente, de nivel limiar (B1) ou de nivel avanzado (B2). A serie conta cun equipo directivo propio que, independentemente da súa posterior avaliación por pares externos á Universidade de Santiago de Compostela, establece a carteira de edición da colección a partir das propostas recibidas. CELE está aberta a investigadores de todas as universidades, aínda que, por razóns financeiras, dá prioridade a orixinais provenientes da Universidade de Santiago de Compostela.