El Camino del Medievalista
O centro da colección El Camino del Medievalista. Nuevos Trabajos en Estudios Medievales é a investigación e análise da Idade Media nas distintas ramas humanísticas (historia, arte, filoloxía, arqueoloxía, musicoloxía, filosofía, etc.). As súas orixes atópanse no Congreso Internacional «O Camiño do Medievalista», celebrado dende o ano 2018 na Universidade de Santiago de Compostela. O principal obxectivo desta actividade académica é desprazar o centro de interese cara á experiencia de cada investigador(-a), e servirlle como foro de utilidade científica e técnica no que presentar os seus estudos nas diversas disciplinas sobre a época medieval. As intervencións poden presentarse en distintas linguas, a saber galego, castelán, inglés, portugués, italiano e francés, co fin de incentivar o debate e o intercambio académico a nivel internacional. Esta pluralidade lingüística traspásase tamén ós volumes resultantes, constituídos por traballos que para seren publicados pasan un proceso de avaliación por pares cegos.
Tras unha primeira experiencia recollendo as contribucións do congreso, decidiuse crear unha colección específica en formato libro electrónico e en acceso aberto, cuxo número inaugural se publicou no ano 2021. A periodicidade, aínda que flexible, preténdese sexa dun libro anual coas distintas contribucións da edición do congreso anterior, e o comité editorial de cada un dos volumes componse de distintos membros do comité organizador do congreso.