Cadros da natureza
Resumo
Recluído en Berlín nun ambiente de pesimismo, como consecuencia da capitulación de Prusia fronte a Napoleón en outubro de 1806, o naturalista Alexander von Humboldt (1769-1859) concibiu os seus Ansichten der Natur como unha sorte de desafogo e conforto na que a lembranza das vizosas terras tropicais actuaba coma bálsamo do seu desalento. A xénese da obra está na conferencia que Humboldt pronuciou en Berlín en 1806 sobre Fisionomía dos vexetais, á que lle incorporou outra ditada un ano despois Sobre as estepas e os desertos e unha última Sobre as fervenzas do Orinoco. Todo isto compoñía un volume de 334 páxinas editado en 1808 por Johann Georg Cotta en Tübingen, no que o autor tentaba, sobre todo, proporcionar un tratamento estético do mundo natural.
Os Cadros da Natureza foi o libro máis popular de Humboldt, chegando a ser traducido a once idiomas, a obra dun devoto amante da natureza e dun autor de exquisita prosa, un libro que, dende a súa primeira edición, foi deixando fonda pegada en moitos científicos e artistas posteriores, como por exemplo Thoreau, Emerson ou Marsh, fundadores do movemento ambientalista americano, e, en xeral, en todo o pensamento biolóxico e científico moderno. Unha obra que, máis de douscentos anos despois da súa aparición, renace en lingua galega coa louzanía dos clásicos.