Análise e estudo do vocabulario económico e da Economía da Educación
Resumo
A unidade didáctica enmárcase dentro da materia de Economía da Educación, sendo unha disciplina académica de formación básica tanto no grao en Pedagoxía como no grao en Educación Social. Esta unidade didáctica é relevante por distintas razóns, entre as cales hai que indicar que constitúe unha primeira achega e inmersión inicial nos contidos esenciais cos que o alumnado debe familiarizarse ao longo do semestre. Así mesmo, tamén é importante xa que serve de base para a adquisición dos diversos contidos temáticos da materia que se abordarán nas seguintes unidades temáticas. En canto aos contidos, primeiramente afóndase no termo de Economía da Educación e o seu obxecto de estudo. A continuación, sinálase unha breve clasificación da Economía da Educación (as principais tipoloxías) e os contidos nos que se adoita focalizar a materia. Seguidamente, indícanse as principais funcións que ten esta disciplina académica en relación ao eido educativo e posteriormente facilítase unha breve aproximación á historia e aos períodos fundamentais na orixe e desenvolvemento da Economía da Educación. Xa para concluír, sinálanse os distintos métodos que máis frecuentemente se utilizan no eido desta materia (cualitativo, cuantitativo, histórico, comparativo).