Mercado e mobilidade de terras en Galicia: Modelos de oferta e demanda e escala parroquial
Resumo
A baixa mobilidade do mercado de terras en Galicia é unha eiva estrutural que conduce ó abandono da actividade produtiva agraria sobre o terreo e xera graves consecuencias sociais, ambientais e económicas: incendios forestais, despoboamento rural, e falta de viabilidade económica de moitas explotacións agrarias son todos fenómenos relacionados, dun xeito ou outro, con ela. Para paliar esta situación puxéronse en marcha en anos recentes en Galicia diversas accións lexislativas, das cales a máis importante é o Banco de Terras de Galicia, concibido precisamente para incrementar a mobilidade do mercado mediante o estímulo ós arrendamentos, proporcionando garantías tanto para os propietarios da terra como para os seus utilizadores e mellorando o fluxo de información entre ambos colectivos. A enorme complexidade do sistema de propiedade en Galicia convirte este labor en extremadamente difícil, e impón a necesidade de contar con ferramentas de axuda á decisión que permitan ós xestores do Banco orientar as súas actuacións de dinamización cara ás zonas máis necesitadas, ou nas que a eficiencia dos recursos públicos investidos sexa maior. Neste texto presentamos un conxunto de modelos de estimación da oferta e demanda de terra agrícola a nivel parroquial, especificamente pensados para servir como apoio á decisión estratéxica neste eido, e que fan uso das últimas tecnoloxías e información dispoñibles no cmpo da xestión de terras.O presente volume resume o proxecto Modelización da oferta e demanda actual e tendencial de predios rústicos en Galicia. Desenvolvemento e aplicación dun sistema de información xeográfico e análise multicriterio en catro comarcas galegas, realizando ó abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Económia e Industria da Xunta de Galicia, a Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, entre os mese de decembro de 2007 de decembro de 2009.