Cada palabra pesaba, cada palabra medía: Homenaxe a Antón Santamarina
Resumo
A traxectoria biográfica e profesional de Antón Santamarina é testemuño dunha vida dedicada ó coñecemento e ó traballo, ó compromiso coa súa xente e o seu pobo. Pouco amigo das exhibicións públicas, o traballo calado e eficaz do profesor Santamarina está detrás de moitos dos mellores logros da lingüística galega dos últimos corenta anos, como figura central do Instituto da Lingua Galega e como columna vertebral da planificación do corpus (e non só) do galego nestas últimas décadas. Vén sendo desde hai moito unha figura de referencia para calquera que queira achegarse ó estudo da lingua e cultura galegas, desde a gramática ou a dialectoloxía, pero moi especialmente no léxico e a onomástica, a literatura oral ou a historia cultural, como testemuñan os seus abundantes traballos e publicacións. A súa formación de romanista, a súa insaciable curiosidade e a súa avidez lectora, unidos á súa portentosa memoria, fan del unha figura de lingüísta sabio, de cultura extensae fonda, como poucas veces é dado atopar.
Agora, con motivo do 65 aniversario do mestre, os compañeiros da Facultade de Filoloxía compostelá ofrécenlle este feixe de estudos en proba de respecto, admiración e afecto polo seu saber, a súa entrega e a súa xenerosidade.
Os estudos reunidos neste volume responden en gran medida ás áreas de interese científico do homenaxeado. Agrupados en partes temáticas, en cada unha delas a maioría dos estudos están referidos á lingua galega, aínda que tamén hai contribucións que tratan problemas doutras linguas e variedades románicas, así como cuestións xerais da investigación lingüístisca e das diferentes disciplinas aquí recollidas.