A patria enteira: Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández
Resumo
O tránsito cara á jubilatio dun profesor universitario é un momento ideal para facer un alto no camiño e convocar a colegas e discípulos a unha celebración especial, idea que mobilizou a persoas e institucións a promover, crear e editar este libro homenaxe ao profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Na biografía intelectual do homenaxeado sobrancean certas características que cómpre suliñar.
Trátase, ante todo, dun historiador vocacional e de raza, cunha obra publicada de enorme amplitude e calidade, que abrangue moitos eidos do saber histórico. Dende os anos oitenta, o seu labor de investigación deseña dúas grandes liñas de traballo. Dunha banda, a historia da vida política de Galicia, nomeadamente no século XIX -que o levou a indagar o proceso de formación das grandes correntes ideolóxicas e políticas da Galicia dos séculos XVIII e XIX-, a historia das eleccións parlamentarias, o funcionamento do caciquismo e as biografías dos principais líderes políticos.
Doutra, a histoira cultural e institucional, na que, tamén ao carón de moitos artigos especializados, cómpre salientar unha sere de publicacións sobre a historia da prensa e da imprenta en Galicia, en especial no século XIX, con resultados que están na liña de grandes estudosos como Soto y Freire ou Antonio Odriozola. De par deste inxente labor investigador, habería que situar a dedicación de Barreiro á alta divulgación da historia moderna e contemporánea de Galicia, coa redacción e edición de títulos que hoxe son referentes obrigados e indispensables. Como docente, e por máis que a docencia deixe escasas pegadas materiais, susceptibles de seren cuantificadas, de Barreiro fica en pé unha unánime imaxe que, a fin de contas, é a base do valor que máis se aprecia e menos se pode definir no mundo universitario: o prestixio.
Finalmente, a dimensión de Xosé Ramón Barreiro esténdese aínda a outro eido, que encaixa moi ben co abeiro institucional ao que se acolle este libro. Trátase da súa condición de ter sido un parceiro esencial de moitas institucións culturais galegas, desde os seus tempos mozos (Patronato Rosalía de Castro, Centro de Estudos Xacobeos) ata a época de plenitude vital e madurez intelectual, na que se incorporou ás primeiras institucións galegas, desde o Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento" -do que foi secretario nos anos 1973-1983-, ao Consello da Cultura Galega desde a súa creación en 1983 e, nomeadamente, á Real Academia Galega, na que ingresou en 1997 e da que é o seu presidente desde 2001.
Pero alén do universitario, do docente e do investigador, está o intelectual e cidadán consciente de que pertencer a unha cultura e a unha patria como Galicia comporta paixón e compromiso, vontade de adoptar unideal, forza par defendelo e decisión de transmitila aos seus contemporáneos.