Ética demostrada segundo a orde xeométrica
Resumo
A Ética de Spinoza ocupa un lugar senlleiro na historia do pensamento filosófico, semellante ao que ocupan De Revolutionibus de Copérnico ou A orixe das especies de Darwin (publicado nesta mesma colección), no desenvolvemento da comprensión natural do pensamento científico.
Na Ética verifícase unha naturalización da teoloxía ao identificarse a Deus coa Natureza, concibida de xeito coherente coas ideas e formulacións da nova ciencia, é dicir, sen finalidade algunha.
Spinoza desenvolve tamén unha concepción natural do ser humano, que xa non é contemplado dende a razón, senón naturalmente, dende o desexo e a paixón. Nun senso amplo, e en canto á súa proxección no pensamento moderno, o contido fundamental da Ética corresponde á enunciación dunha nova filosofía moral e natural, na que a virtude, entendida como verdadeira realización dos desexos naturais do home modulados pola lente da razón, coincide coa liberdade e a felicidade.