Instrumentos para a promoción do sector eólico: análise dende unha perspectiva internacional
Resumo
A enerxía eólica pode desempeñar un papel moi relevante nas sociedades modernas mediante a diversificación do subministro enerxético, a creación de novas sendas de desenvolvemento tecnolóxico e de emprego ou a loita contra o cambio climático. Entre os beneficios, destaca especialmente a diversificación industrial a nivel rexional, desencadeada pola nova combinación de ideas, tecnoloxías e capacidades produtivas a partir de sectores cognitivamente próximos. Neste sentido, a emerxencia deste sector podería absorber a oferta de man de obra procedente de sectores en declive e a reutilización das súas infraestruturas e tecnoloxías. Deste modo, a enerxía eólica podería mellorar a resiliencia rexional a curto, medio e longo prazo, mediante a promoción da mobilidade laboral e do desenvolvemento de vantaxes competitivas en termos de novas sendas tecnolóxicas e nichos de mercado. No caso da enerxía eólica, pode aproveitarse a tecnoloxía e a experiencia do sector naval. Polo tanto, a enerxía eólica pode facilitar a consecución duns maiores niveis de sustentabilidade ambiental, social e económica. En calquera caso, estes impactos xerais poden diferir entre rexións, dependendo da expansión desta enerxía renovable, do contexto institucional e do propio desenvolvemento das capacidades do tecido produtivo rexional. O obxectivo deste libro consiste na presentación e sistematización dos diversos instrumentos que poden contribuír a promover o sector eólico.