Stephen Hawking: Unha breve historia do tempo
Resumo
Os clásicos —da literatura e a ciencia, da pintura, da música...— provocan tan intensa sensación de inexorabilidade, tal certeza de que tarde ou cedo serían escritos, pintados ou compostos, que un mundo sen eles resulta inconcibible. É coma se sempre existisen. Malia recoñecerlles unha data de nacemento, persiste a sospeita de que xa estaban alí e os seus creadores apenas se limitaron a escribir, pintar ou compoñer sobre trazos preexistentes. Rozan cotas de perfección que as fan case inhumanas e constitúen puntos de inflexión na historia da cultura que xeran novos paradigma. Este é o caso d’Unha breve historia do tempo, unha obra fundacional, que semella non beber de fonte algunha nin estar contaminada pola influencia de textos anteriores; unha obra na que Stephen Hawking senta as bases do que habería de ser a divulgación científica para centos de libros posteriores, tanto polo estilo e a ousadía de escribir nunha linguaxe accesible sobre conceptos moi abstractos da física de fronteira como polo sinal que deixou sobre moitos outros físicos profesionais. Ninguén mellor ca Hawking para afrontar o desafío de escribir a maior e máis enigmática das biografías: a do Universo observable; do nacemento, o devir e a morte do espazo-tempo. Lonxe de facelo como un historiador fóra de escena, que coñece todos os detalles e se limita a expoñelos con erudición, Hawking detense fronte ás preguntas máis perentorias e difíciles, debullándoas con profunda intelixencia e xuvenil desenvoltura: como naceu o tempo? Por que o Universo ten estrutura? Que ocorre con aquilo que cae nos buratos negros? No ano do falecemento de Hawking, a colección «Clásicos do Pensamento Universal» enriquécese incorporando á lingua galega un dos textos fundamentais da ciencia de todos os tempos, que foi, ademais, un dos célebres best-sellers do século xx.