Campus vida: da virtude necesidade
Resumo
Promovido e editado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, este libro, recolle os discursos pronunciados polo reitor Senén Barro ao longo dos oito anos do seu mandato (2002-2010). Todos os discursos teñen un fío condutor, razón pola cal o autor titulou cada un no seu momento. Do mesmo xeito, quixo tamén poñerlle nome a este libro. Despois dalgunha que outra volta, decidiu titulalo: Campus Vida: da virtude necesidade. En efecto, para Senén Barro "facer da virtude necesidade" supón asumir que a virtude non é unha opción senón un compromiso ineludible. Pero tamén foi unha estratexia frecuentemente utilizada para conseguir que as virtudes institucionais fosen percibidas como necesidades por parte dos individuos, particularmente daqueles que conforman a comunidade universitaria. Pero, sobre todo, a reitoría de Senén Barro fixo da virtude necesidade cando se creou Campus Vida como modelo estratéxico para unha universidade mellor, como unha necesidade, dentro e fóra, na procura de concitar o apoio imprescindible para tan excepcional proxecto.