Análise da competencia
Resumo
A unidade didáctica «Análise da competencia» pertence á materia Fundamentos de Comercialización, correspondente ao segundo curso do grao en Administración e Dirección de Empresas. Segundo o plan de estudos da titulación (BOE n.º 56, de 5 marzo de 2010), dita materia ten carácter obrigatorio. A súa carga lectiva é de 6 créditos ECTS e impártese no segundo cuadrimestre.
A materia de Fundamentos de Comercialización ten como finalidade ofrecerlle ao alumnado unha visión xeral do márketing, de forma que o alumnado adquira un conxunto de nocións introdutorias básicas. En concreto, preténdese que o alumnado que curse a materia chegue a coñecer e a comprender os conceptos básicos do márketing e do seu contorno que condicionan a súa xestión, coñeza o sistema de información de márketing e o proceso de investigación de mercados, e coñeza o mercado e sexa quen de identificar e avaliar os segmentos e o comportamento de compra dos consumidores e dos compradores industriais. Os contidos desta materia desempeñan un papel fundamental na titulación do grao en Administración e Dirección de Empresas, dado que constitúen a primeira aproximación do alumnado á Comercialización, e os seus contidos serán complementados cos das materias obrigatorias e optativas da área impartidas no terceiro e cuarto curso do grao.
Nesta terceira unidade didáctica, preséntanse as forzas do contorno que afectan á capacidade da empresa para atender os seus clientes, analízase a competencia e identifícanse as principais tendencias do contorno.