Análise socio-educativa das situacións de risco na familia e dos problemas intrafamiliares
Resumo
A figura profesional da pedagoga e do pedagogo é especialmente importante no seo
das familias. Dentro da materia pedagoxía familiar, a presente unidade didáctica
céntrase na análise social e educativa das situacións de risco na familia e dos
problemas intrafamiliares. Ao longo da segunda metade do século XX as transformacións sociais,
culturais e demográficas impulsadas pola terceira onda do movemento feminista
xeraron grandes cambios ideolóxicos e lexislativos para as familias. Unha realidade
materializada grazas á revolución sexual, a independencia e empoderamento das
mulleres, a liberdade de unións, as separacións e os divorcios, entre outros cambios
sociais e políticos. Con todo, a pesar das variacións de dinámicas e estruturas que a familia
sufriu ao longo da historia, continúa configurándose como un referente clave para
todos os seres humanos (Musito e Cava, 2001). A familia é considerada o grupo
primario por excelencia no que as persoas viven e desenvolven as experiencias e
habilidades necesarias para a vida (Bezanilla e Miranda, 2013), polo que xoga un
papel fundamental no desenvolvemento psicolóxico, social e emocional de todos os
seres humanos. No momento actual de efervescencia social que caracteriza as sociedades
posmodernas, as dinámicas relacionais teñen unha forte pegada violenta.
Especificamente en relación ao tema que nos ocupa, a violencia é unha epidemia que
configura a familia como o contexto social máis violento (Aroca et al., 2014). Violencia
exercida multidireccionalmente entre os membros do núcleo familiar abarcando desde
os malos tratos infantís e os abusos sexuais ata a violencia filio-parental.
O artigo 173.2 Código Penal (1995) define a violencia familiar como aquela
violencia física ou psíquica que se exerce sobre os membros da mesma unidade
familiar, unidos/as por relación afectiva ou de dependencia, exista convivencia ou
non, existan lazos biolóxicos e civís ou non. Implica, por tanto, a descendentes,
ascendentes, cónxuxes e irmáns/ás de sangue ou non, deixando fóra os casos de
violencia machista. A violencia familiar pode implicar ás nenas e nenos de multiplicidade de
formas, polo que é fundamental que o pedagogo e a pedagoga saiban identificar e
intervir nas situacións de risco e os problemas intrafamiliares que poden afectar o
desenvolvemento integral dos e das máis pequenas. Fundamentalmente, porque son
profesionais que se atopan nunha posición privilexiada (Priegue e Cambeiro, 2016).
Deste xeito, a importancia da temática da presente unidade didáctica perfílase
fundamental no estudo da familia e as súas dinámicas, pois comprender os procesos
que se desenvolven nas familias pasa por coñecer e identificar as situacións de risco
que poden vivir as nenas e nenos. Neste sentido, ao longo desta unidade didáctica
afondarase especificamente nas situacións de maltrato infantil, abusos sexuais
e violencia filio-parental (ver Figura 1). A temporalización da unidade didáctica
abrangue 3 semanas de traballo teórico-práctico e está destinada ao alumnado de
cuarto do grao en Pedagoxía.