Fontes para o estudo da arte medieval
Resumo
A materia Fontes documentais e literarias para a Historia da Arte (G5011226, Grao en Historia da Arte, Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007), posúe o carácter de obrigatoria e ten que ser cursada no segundo ano (2º curso), en concreto no segundo cuadrimestre. Está integrada no módulo Coñecementos sistemáticos e integrados do feito artístico. Esta materia está estreitamente relacionada con Literatura e Arte no mundo antigo e medieval de primeiro curso, Fundamentos teóricos da historia da Arte de primeiro curso, Métodos de Análise e Interpretación do Fenómeno artístico impartida no segundo curso, primeiro cuadrimestre, e Historia das Ideas Estéticas de cuarto curso do Grao. Xunto a estas tres derradeiras materias, a materia Fontes documentais e Literarias para a Historia da Arte, conforma o módulo Coñecementos sistemáticos e integrados do feito artístico. Esta materia consta de 6 créditos ECTS, o que supón un total de 150 h. de dedicación total por parte do alumnado, dividido en traballo presencial e traballo persoal. Os seus contidos procuran un estudo das Fontes para a Historia da Arte desde a Antigüidade á época contemporánea, cuestión que require a división interna da materia en tres grandes bloques temáticos contemplados no programa: Fontes para o estudo da Arte antiga, Fontes para o estudo da Arte medieval e Fontes para o estudo da Arte moderna e contemporánea. Esta Unidade Didáctica corresponde ao segundo bloque temático da materia. Identifícase coa Unidade II, «Fontes para o estudo da Arte medieval». Organízase en seis apartados diferenciados pola tipoloxía de fontes literarias e documentais na Idade Media. A construción desta Unidade Didáctica reflicte a organización xeral da materia. Para as Fontes literarias, a estrutura xeral da materia se fundamenta na teoría dos xéneros artísticos de Julius von Schlosser, na súa proposta de catalogación das Fontes nas sucesivas etapas da Historia, para a súa análise científica. No campo das Fontes documentais mantéñense os criterios de clasificación das ciencias historiográficas, Paleografía e Diplomática. O marco temporal de desenvolvemento desta Unidade Didáctica será de 8 h. en clases expositivas presenciais na aula, 4 h. de clases Interactivas presenciais na aula e 8 h. de traballo persoal ou en grupo polos alumnos.