Fundamentos de deseño organizativo
Resumo
A realidade actual en cambio constante do contorno empresarial provoca que, cada vez máis, os empresarios precisen dispoñer dunha serie de capacidades e habilidades que lles permitan traballar nese contorno de incerteza e cambio. Na xestión de empresas non existen receitas máxicas pero a implantación dun determinado sistema de cara a toma das decisións ou de cara a resolución de conflitos pode incrementar as posibilidades de éxito. A materia Fundamentos de Dirección de Empresas, correspondente ó 1º curso de Administración e Dirección de Empresas, busca aproximar ó alumnado coa realidade empresarial e coas tarefas propias dos directivos e empresarios. Ao mesmo tempo, pretende dotalos das ferramentas necesarias nas que apoiarse para a toma de decisións. Así, cada unha das unidades didácticas que compoñen a materia afondará nunha das funcións do proceso de administración: planificación, organización, dirección e control. Neste caso, esta unidade didáctica está dedicada á segunda das funcións do proceso de administración: a organización. En primeiro lugar, explicaranse con detalle os conceptos que definen o deseño da estrutura organizacional. Por tanto, falarase, entre outras cuestións, da división do traballo e da especialización, dos tipos de departamentalización que pode levar a cabo unha empresa, do tramo de control e da cadea de mando, do nivel de centralización/descentralización das empresas así como trazos para poder avalialo, da delegación e, finalmente, dos mecanismos de coordinación que aplican as empresas, así como da súa relevancia a medida que as empresas aumentan de dimensión. En segundo lugar, presentaranse os tipos de estrutura que poden presentar as empresas, facendo fincapé nos dous extremos: a estrutura mecanicista e a estrutura orgánica. A duración desta unidade didáctica será dun total de nove horas, estruturadas en 3 sesións expositivas e 4 interactivas.