A Investigación Predoutoral na USC: Novos camiños: I Encontro da Mocidade Investigadora. Decembro de 2012. Libro de resumos
Resumo
O “I Encontro da Mocidade Investigadora” tivo lugar do 13 ao 15 de decembro de 2012 na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. O Encontro serviu para facer visible a investigación que están a facer os doutorandos da USC e para promover a discusión de cuestións de interese, xa que a través de distintas actividades (conferencias e táboas redondas) o persoal investigador en formación puido debater cos investigadores invitados acerca dos problemas que se atopan actualmente no desenvolvemento da carreira investigadora. O Encontro tamén contribuíu a dar a coñecer os obxectivos e actividades da Escola de Doutoramento Internacional (EDI), creada en outubro do 2012.
A organización e desenvolvemento deste evento foi posible grazas á colaboración da Facultade de Bioloxía e da Fundación Barrié e á financiación da Universidade de Santiago, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (Programa de Impulso das Escolas de Doutoramento do EEES) e o Ministerio de Educación (proxecto Campus de Excelencia Internacional-Campus Vida). Inscribíronse e presentaron resumo de traballos da súa tese un total de 178 doutorandos, dos que 36 foron seleccionados para comunicación oral e o resto presentou a comunicación en formato póster.