A interpretación do dereito
Resumo
A Teoría do Dereito é unha indagación filosófica sobre a natureza e os caracteres do dereito, e como tal é unha parte da Filosofía do Dereito, que se interesa polo fenómeno xurídico en xeral. O dereito é unha realidade complexa: consiste fundamentalmente en normas que regulan condutas e organizan a vida social, pero tamén en feitos e ideais asociados a ditas normas, coas cales interactúan. Estes feitos son as prácticas individuais e sociais de creación, identificación, interpretación, seguimento e aplicación das normas xurídicas. Os ideais son os fins e valores que os partícipes nesas prácticas queren satisfacer con elas. Por tanto, comprender e analizar a natureza e os caracteres do dereito require estudar conxuntamente os seus elementos normativos, as súas pretensións valorativas e as súas manifestacións empíricas, así como a relación entre todas estas facetas.