Vascularización do sistema nervioso
Resumo
A unidade didáctica está dedicada ao estudo da «Vascularización do Sistema Nervioso Central (SNC)». Inclúese dentro da materia obrigatoria Neuroanatomía, que se imparte no primeiro semestre do segundo curso do Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A materia en conxunto ocúpase do estudo do SNC e o sistema nervioso periférico (SNP) humano. Nela abórdase o seu estudo tanto desde un punto de vista descritivo e topográfico, como desde o punto de vista funcional, como base para posteriores coñecementos clínicos. Aínda que a Neuroanatomía é parte da Anatomía, foise convertendo nunha disciplina con entidade propia, e os seus contidos son esenciais para coñecer o funcionamento do sistema nervioso normal e as consecuencias das súas disfuncións. Con ela séntanse as bases nas que se apoiarán outras disciplinas nas que se abordarán, entre outros aspectos, a prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades neurolóxicas e neuropsiquiátricas. Por outro lado, e debido en boa parte ao avellentamento da poboación, as enfermidades neurodexenerativas en particular están adquirindo una relevancia socioeconómica cada vez maior. É por isto que os coñecementos en Neuroanatomía, e os avances no ámbito da Neurociencia, son fundamentais para garantir os avances na investigación na súa prevención, diagnóstico e tratamento, e promover así melloras transversais a nivel clínico en beneficio da sociedade.