Sucesións e series funcionais
Resumo
Esta unidade didáctica enmárcase dentro da materia series funcionais e integración de Riemann en varias variables reais, que se imparte no segundo cuadrimestre do segundo curso do grao en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, cun peso de 6 créditos ECTS. Nesta unidade didáctica preséntanse os conceptos de sucesión e de serie no contexto funcional. As nocións de sucesión e serie numéricas xa son ben coñecidas para os estudantes por seren tratadas na materia Introdución á análise matemática, de primeiro curso, mais a súa xeneralización funcional require o estudo de distintos tipos de converxencia, o que pode dificultar a súa comprensión. O tratamento da converxencia uniforme en contraposición á converxencia puntual, xunto coas propiedades que ambas trasladan á función límite, conforman o eixo central sobre o que xira esta unidade.