Procesado de sinais discretos no dominio do tempo
Resumo
Esta unidade didáctica forma parte da materia Percepción e Procesado de Sinais, do segundo curso do grao en Robótica, segundo semestre. Ten carácter obrigatorio. A programación didáctica da materia desenvólvese en tres grandes módulos a través de seis unidades didácticas, sendo esta a segunda unidade do primeiro bloque. As unidades están deseñadas para seren executadas en orde secuencial, xa que cada unha delas precisa dos contidos anteriores para ser comprendida e asimilada correctamente polo alumnado. Nesta unidade vanse coñecer as características e operacións dos sistemas discretizados no tempo, con especial énfase nos sistemas lineais invariantes no tempo. Está previsto completala usando 6 horas de sesións expositivas e 4 de interactivas. Os contidos presentados aquí seguiranse estendendo e desenvolvendo noutras unidades, con novas aplicacións, ata chegar ao obxectivo último da materia: a fusión multisensorial de sinais procedentes dos sensores do robot. Con isto en mente, e para un mellor aproveitamento do tempo, recoméndase que o alumno teña cursado as unidades didácticas anteriores máis todas as materias de matemáticas do primeiro curso e de automática do segundo. Para os laboratorios, esixirase ademais un coñecemento básico da linguaxe de programación Python.